SIMULACRO

Achegamos excelente artigo de Xoan Rubia publicado no Diario de Ferrol, decembro 2012.

Coma vostedes saberán, dende sempre mantiven unha opinión belixerante respecto da localización dunha planta de gas preto do núcleo de poboación onde vivo. A miña oposición non foi nin moito menos caprichosa, senón baseada noutras procedentes de voces autorizadas, cando menos tanto como as que dende o principio promulgaron a súa inocuidade.

Non obstante un illado parecer non ten maior importancia se este non vai seguido doutros na mesma dirección e a verdade foi que o gas e demais produtos enerxéticos inflamables están aí porque así o decidiron aqueles que tiñan facultade para facelo: os políticos de quenda que non tiveron en conta a opinión dunha parte da poboación que, polo que se viu, semellou feble diante dunha grande maioría silenciosa. Xa é sabido que “quen cala outorga” e nesas estamos.

Non pretendo, lástima fora, erixirme en portavoz de nada e de ninguén, pero estou seguro de que case tódolos que estivemos no seu momento en contra da presenza dunha industria destas características pegada as nosas casas nunca puxemos en cuestión a necesidade estratéxica do gas coma importante elemento enerxético, nin discutímo-los beneficios que reporta para o desenvolvemento económico do noso país. Ata aquí non hai discusión. So cuestionamos a súa localización baseándonos nos posibles factores de risco que unha industria así podería reportar á poboación próxima a súa área de influenza. Nin máis nin menos. Apostabamos pola premisa da seguridade diante dos beneficios a calquera prezo.

Aqueles que viron nesta industria a táboa de salvación para un pobo coma Mugardos que sofre, coma os do resto da comarca, a lacra da destrución de postos de traballo e xa que logo un elevado índice de desemprego, a recibiron cos brazos abertos. Obviaron os posibles riscos en aras da alternativa dunha importante oferta de emprego que suporía un avance substancial na mellora do nivel de vida dunha parte relevante da poboación.

Ao día de hoxe, vostedes dirán se eses degoros cumpríronse ou non.
Certo perigo semella que flota no ambiente cando anúnciase un simulacro co gallo de ca xente estea alerta perante calquera eventualidade non de-sexable que se produza dentro do recinto empresarial. Bombeiros, Protección Civil, Policía Local, 061 e demais persoal sanitario atentos para actuar se as cousas non van ben. Certo que se avisou á xente de que este operativo non vai afectar ó desenvolvemento das súas actividades cotiás xa que neste caso so se trata dunha simulación. Diante de todo isto cabe pensar que aqueles que manifestamos no seu momento a nosa preocupación polo risco potencial que supuña ter miles de metros cúbicos de gas preto do núcleo de poboación estabamos no certo. Cando o simulacro transcende dos propios lindes da empresa e afecta á xente que nada ten que ver con ela, a cousa da que pensar. Aquelas recomendacións de se meter na casa cando soen as sinais acústicas, sintonizar a RGA ou RNE para segui-las instrucións, non prende-las luces, nin os mixtos, non fumar, pecha-las fiestras e esperar aí ata que pase o perigo, non as saco da chistera, están nos manuais de emerxencias e nas hemerotecas e posiblemente, andando o tempo, serán argumento de próximos simulacros.

Hoxe, cando escribo isto, ía se-lo día pero o operativo anulouse pola ameaza de temporal, un temporal que xa se nota aí fora cun vento que zoa con grande forza acompañado dunha chuvia torrencial. Isto non é unha simulación; é real e a xente corre para se poñer a bo recado, tanto que xa nin se ve un alma pola rúa. Observando a furia con que arremete o vento e a auga pensei no difícil que é evita-los desastres naturais (tempestades, terremotos, erupcións volcánicas, etc.) e ao tempo reflexionei sobre o fácil que sería controlar aquelas que pode provoca-lo ser humano. Oxalá que este simulacro e os que veñan, polo ben de todos, se queden neso: en simulacros. Si.

Xoan Rubia é cantautor, articulista e veciño de Mugardos.

About The Author

Administrator

Other posts by

Author his web sitehttp://

25

12 2011

Comments are closed.